miércoles, 4 de abril de 2012

Stand de Comercio Xusto na Feira do Queixo de San Simón do 7 e 8 de Abril de 2012


Durante a Feira do Queixo de San Simón, os días 7 e 8 de Abril de 2012, o Foro Vilalbés de Debate e Cooperación “Martín Seco Cendán” levando a cabo o acordo de colaboración que ten coa ONG Solidariedade Internacional de Galicia, instalará un ano máis, un stand de comercio xusto no recinto de celebración da feira sito na Praza da Constitución, alí os vilalbeses poderán mercar productos de comercio xusto, é dicir, obtidos dunha actividade comercial baseada nunha relación directa e de respecto mutuo, na que os productores e consumidores obteñen a garnatía de producción basada no respecto ós dereitos humáns e no desenvolvemento autosostible.

Animamos a tódolos veciños da chaira, a que merquen productos de comercio xusto e colaboren nestes momentos de crise que está a afectar moi directamente á Cooperación Internacional e a súa financiación con grandes recortes no seu presuposto.

Desexabamos ademais, agradecer unha vez máis Asociación de Queixeiros de San Simón a organización deste evento, favorecendo as facilidades que lle dan a esta organización para participar nesta feira, dun producto tan importante para a nosa terra como é o Queixo de San Simón que baixo o noso parecer é un dos mellores embaixadores que temos na nosa comarca

lunes, 22 de agosto de 2011

O venres 26 o noso vicepresidente o multidisciplinar Suso Trastoy baixo a dirección do IESCHA presenta a sua exposición de pintura que estará ata o 16 de Setembro


Coincidindo co inicio das festas de San Ramón e Santa María, o vindeiro venres, día 26 de agosto de 2011, ás 20,30 horas, na Sala do Auditorio Municipal de Vilalba, levarase a cabo a inauguración da Exposición de Pintura do artista vilalbés JESÚS TRASTOY, nun acto organizado polo Instituto de Estudios Chairegos.

A mostra, que poderá ser visitada dende o mesmo d...ía 26 de agosto ata o 16 de setembro, en horario do Auditorio, está formada por 54 cadros distribuídos nas seguintes temáticas:

• Recantos Vilalbeses

• Persoeiros

• Varios

• Bodegóns

• Acuarelas

• Plumiñas

• Caricaturas

A linguaxe figurativa que Jesús Trastoy plasma nos seus cadros, utilizando técnicas diversas, aplícaa a temas moi variados. Con todo, sinte predilección polos recantos máis pintorescos e recónditos de Vilalba e doutros pobos mariñeiros, polos animais, por persoeiros cos que tivo algunha relación ...

Deu a coñecer a súa xa extensa obra a través de exposicións e certames. Participou nunha exposición colectiva no colexio lucense de Fingoi. Asistiu a certames en Burela, en Begonte (con motivo do Belén), nos de maiores convocados pola Xunta de Galicia: no correspondente ao ano 2004 foi finalista con dúas obras, Escravos do móbil e As catro estacións; e no do ano en curso exhibiu outras dúas, A Santa Compaña e Outono no Courel

miércoles, 22 de junio de 2011

Lecturas de Agustín Fernández Paz e Bernardo García Cendán no acto de colocación do monolito de Homenaxe a Martín Seco Cendán

Ademais da maravillosa intervención de Manolo Roca Cendán que falou do seu curmán Martín dendo o fondo do corazón e dos principios que compartían, estas foron as intervencións de Agustín Fernández Paz, que leu o amigo Chema Felpeto pola indisposición de Agustín e de Bernardo García Cendán.


“ATA AS FOLLAS MÁIS ALTAS”
HOMENAXE A MARTÍN SECO CENDÁN
Para falar do meu amigo Martín, debo remontarme aos anos da nosa adolescencia. Non aos da infancia, porque daquela os nenos non adoitabamos saír do barrio, polo menos os d’As Fontiñas, e o noso territorio remataba no Taller do Luta. Foi nos anos adolescentes cando, malia ser el unha miga máis novo, Martín e mais eu acabamos confluíndo nunha panda de amigos que, como adoita ocorrer coas amizades desa etapa da vida, acabou botando raíces fondas e resistentes ao paso do tempo.

O noso era un grupo amplo, o dos que vivimos a adolescencia na década dos sesenta. Falo do Pepe do Mutilado, do José Luís da Feira, do Pepiño do Cacharrón, dos meus curmáns Paco e Gorín, do Guillermo do Taraxal, do Nacho, do Dobao, do Guizán… O tempo acabou logo por nos espallar mundo adiante, cando todos descubrimos que a vida ía en serio e nos obrigaba a buscar cadanseu camiño.

E aí, nese grupo, estaba Martín. As cualidades humanas que o distinguirían na súa vida adulta xa agromaban daquela na súa personalidade moza: o optimismo, a importancia concedida á amizade, a alegría, a xenerosidade, a vontade de tecer redes que consolidasen o grupo.

Daquela sacábanse poucas fotos, case sempre polas festas. A que teño diante mentres escribo estas palabras ha ser do 66 ou do 67. Estamos no campo da festa, en Guadalupe, despois de facermos unha merenda que organizaramos os da panda. Alí está Martín, e eu ao seu carón, os dous no centro do grupo. Alegres e confiados, esquecéndonos por unhas horas dos anos grises que nos tocou vivir. A foto é xa un símbolo do que aqueles tempos foron para nós.

Máis tarde, o vento da vida levou a cadaquén polo seu lado e moitos de nós marchamos fóra da vila. Nun dos meus regresos a Vilalba, comprobei con alegría que Martín comezara a mocear con Mari Carmen, a filla máis nova dunha familia moi querida para min. E logo, a través da miña irmá e de Bernardo, esoutro irmán ao que me unen tantos fíos, souben do seu casamento e do nacemento dos fillos. E tamén da súa militancia política, do seu labor municipal, do seu compromiso coa terra e cuns ideais que o propio Martín resumiu exemplarmente no que foi o seu discurso derradeiro:

Eu traballei por estar convencido dunha idea. Unha idea que non é outra que lograr o benestar para os máis débiles. Por unha idea que di que non hai dereito a que neste mundo haxa xente que morre de fame. Que non ten médico. Que non ten escola. Por unha idea que quere a República para este país. Por unha idea que quere: Liberdade, igualdade, fraternidade. Aí está o socialismo. Aí estou eu.

Xaora que si. Martín fixo seus os ideais que tantos compartimos, máis alá de matices secundarios. Traballar pola terra que nos viu nacer (pola lingua, polo territorio, pola agricultura e pola industria, pola mellora da sociedade) e, ao tempo, abrirse a todas as culturas do mundo. Con conciencia de que a diversidade é o fío profundo que nos une a todas as persoas que vivimos no planeta. Un planeta que é a nosa gran casa común, polo que é urxente loitar, se cadra agora máis que nunca.

As persoas continúan vivindo mentres haxa alguén que as lembre. E somos moitas as que seguimos a lembrar a Martín e a semente que deixou. Como escribiu o meu amigo-irmán Bernardo, a súa vida está tamén neste carballo plantado no Rañego, “a subir como un suspiro de permanencia ata as follas máis altas”. Ha dar gusto ver como agroma nel a folla nova en cada primavera!

Agustín Fernández Paz



Meus amigos e amigas:

Non me importaría, dígovos, cando me chegue a hora, ser coma este carballo novo, prantado á beira do muíño, engaiolado en permanencia coa sinfonía das augas que estades a escoitar.

Non me importaría medrar no seo desta carballeira en pacífico anonimato para quen desexe esquecerme, mais conservar o meu nome para quen queira alentar a vida que continúa no interior dun tronco gris.  

Non, non me importaría nada sentir sobor de min, na amencida, o vó solemne dun buxato ou percibir nas miñas ponlas o aleteo doce e leve dun xílgaro que chama pola primavera.

Non me impotaría quedar aquí firme, a escoitar o meu nome na voz coñecida e sempre querida dos amigos que pasen ao meu carón. Estar aquí, agarrado á terra chairega, e sentirme resucitar na lembranza de quen me ten amado ou na tenrura dunha neta que me chamara. Permanecer aquí no silencio, e no silencio sentir a Deus.

Non me importaría en absoluto, coas raíces ben asentadas na paz desta paisaxe, ignorar totalmente calquera palabra malintencionada, pero sentir fondamente a fala dos amigos que tentaron comprender a miña vida: os erros cometidos e os acertos dos que poda honrarme.  

Non me importaría, meus amigos, permanecer aquí, firme coma un carballo, e proclamar a persistencia da miña fe nas ideas: dicirlle a todos que, coas miñas deficiencias, tiven un ideal que foi guiando a miña vida.

Non me importaría ser unha árbore asentada coma esperanza nun mundo que asasina utopías, nun mundo onde moitos participan na vida pública, non tanto por ideas senón por intereses pouco diáfanos.

Non me importaría, non.
Xa vos destes conta, non me importaría parecerme a Martin do que coñecín xenerosidade, honradez e utopía.

Bernardo García Cendán

lunes, 4 de abril de 2011

Grande éxito de ventas de productos de Comercio Xusto na Feira do Queixo por parte do Foro Vilalbés xunto a Solidariedade Internacional



Durante o fin de semana os membros do Foro Vilalbés de Debate e Cooperación "Martín A. Seco Cendán" en colaboración con Solidariedade Internacional de Galicia puxemos un Stand de productos de Comercio Xusto onde os achegados podían adquirir productos alimenticios, bisutería e algo de artesanía adquiridos a cooperativas de paises en vias de desenrolo.

As ventas foron un auténtico éxito polo que agradecemos a tódolos vilalbeses a súa acollida, ademais tamén agradecemos o seu interese por coñecer a nosa asociación e nalgún caso asociarse ó noso Foro que xa anunciamos que continuará con esta iniciativa de promoción e venta de productos de Comercio Xusto.

martes, 29 de marzo de 2011

Stand de comercio xusto en colaboración con Solidariedade Internacional de Galicia na Feira do Queixo


Durante a Feira do Queixo de San Simón, os días 2 e 3 de Abril, o Foro Vilalbés de Debate e Cooperación “Martín A. Seco Cendán” levando a cabo o acordo de colaboración que ten coa ONG Solidariedade Internacional de Galicia, instalará un stand de comercio xusto no recinto de celebración da feira sito na Praza da Constitución, onde os vilalbeses poderán mercar productos de comercio xusto, é dicir, obtidos dunha actividade comercial baseada nunha relación directa e de respecto mutuo, na que os productores e consumidores obteñen a garnatía de producción basada no respecto ós dereitos humáns e no desenvolvemento autosostible.

Ademais aproveitamos para anunciar, que neste stand estarán a disposición daqueles vilalbeses que o desexen, os folletos explicativos da nosa asosciación onde figuran as actividades que desexamos realizar dende este novo Foro Vilalbés de Debate e Cooperación, así como as fichas de afiliación a nosa organización, na que se pode participar cubrindo a inscripción e con só 20 euros de cuota anual, que se necesitan para manter un mínimo de gasto que supoñen as actividades a realizar.

Desexabamos ademais, agradecer á organización deste evento, tanto a Asociación de Queixeiros de San Simón como o Concello de Vilalba as facilidades que lle dan a esta organización para participar nesta feira, así como darlle a noraboa a Concelleira de feiras e mercados, Cheri Grandio, como a Asociación de Queixeiros, por unha celebración cada vez máis profesional e moito máis importante a tódolos niveis, da feira dun producto tan importante para a nosa terra como é o Queixo de San Simón que baixo o noso parecer é un dos mellores embaixadores que temos na nosa comarca.

sábado, 15 de enero de 2011

Grande éxito no primeiro acto do Foro coa presentación do libro que coordinou Ceferino Díaz "Autonomía e modernidade en Galicia"


Neste primeiro acto do Foro Vilalbés de Debate e Cooperación "Martín Seco Cendán" que consistía na presentación do libro "Autonomía e modernidade" que coordinou Ceferino Díaz e que conta coa participación de 25 personaxes con artigos que nos aportan a súa visión do período autonómico actual en diversas temáticas. Este acto foi presentado polo Presidente do Foro Martín Seco García e contou coa presencia duns participantes de diversas ideoloxías políticas, que aportaron un grado de controversia e de debate ideolóxico a esta presentación, Agustín Baamonde, Antón Baamonde, Francisco Sineiro e o propio Ceferino Díaz nos ilustraron coa sua visión do período autonómico que estamos a vivir e as suas opinións sobre este libro que estábamos a presentar.
 
Desexamos agradecerlle expresamente a presenza a tódolos vilalbeses que encheron a Casa da Cultura de Vilalba e que esgotaron os libros que tíñamos á venta. E moi especialmente agradecer a presencia do Alcalde de Vilalba, Gerardo Criado, dos portavoces do PSdeG-PSOE e do PPdeG, Elba Veleiro e Vicente García, do Presidente do Patronato do Asilo, Pepe Apenela, do Sº desta institución Jose A. Pombo, do Presidente do IESCHA Manolo Santamariña e do resto dos responsables deste Instituto que sempre están presentes nos actos onde se intenta dinamizar culturalemente a vida do Concello, do Presidente da Coral Polífónica Alfonso Baamonde, e do sempre presente e amigo do Foro, Zolio López Ron que mostra unha vitalidade envexable e nos aporta as gañas de seguir apostando pola actividade participativa no noso Concello.

Gracias a tódolos amigos que non fallaron nesta posta en escena da nosa asociación, esperamos non fallarlles tampouco nós a eles.

jueves, 6 de enero de 2011

Presentación en Vilalba do libro coordinado por Ceferino Díaz "Autonomía e Modernidade en Galicia"

O Venres 14 de Xaneiro ás 20:30 do serán na Casa da Cultura en Vilalba o Foro Vilabés de Debate e Cooperación " Martín A. Seco Cendán" levará a cabo a presentación do libro "Autonomía e Modernidade en Galicia"


Este libro foi coordinado polo coñecido profesor galeguista e parlamentario socialista Ceferino Díaz e conta coa participación de numerosos personaxes que nos ilustran sobre diferentes materias no desenrolo destes últimos 25 anos de Autonomía de Galicia. Este libro xunto co anterior publicado por Ceferino Díaz, "A esforza conquista da autonomía", pecha unha importante serie de publicacións imprescindibles para entender a actual historia do noso país e o proceso autonómico visto dende o punto de vista dun histórico militante do galeguismo e socialismo deste país pero aberto a outras posicións diferentes a súa .


Dita presentación contará coa presencia e intervención dos seguintes amigos do Foro nun intento de mostrar a pluralidade de opinión políticas:
  •  A presentación do acto correrá a cabo do ex-alcalde de Vilalba e parlamentario galego polo PP, Agustín Baamonde.
Intervirán os participantes na elaboración do libro:
  • O profesor e ensaista vilalbés, Antón Baamonde e
  • O profesor e ex-Conselleiro de Agricultura da Xunta de Galicia polo PSdeG-PSOE, Francisco Sineiro.
Pechará o acto o coordinador do libro Ceferino Díaz

Invitámosvos a todos a asistir